martes, 13 de octubre de 2009

O comité de empresa de Panrico SLU denuncia que a empresa confirma que non investirá na planta de Galicia

Na reunión mantida hoxe entre Panrico SLU e a representación legal das e dos traballadores, a empresa confirmou que non existen previsións nin de investimentos tecnolóxicos nin económicos para a planta de Santiago de Compostela. O comité informa tamén de que a dirección manterá reunións individuais co cadro de persoal a fin de lograr unha redución do plantel.

Segundo o comité, a dirección de Panrico tamén comunicou o traslado inminente da produción dos populares mañanitos á nova adquisición da empresa, La Bella Easo, con sede en Zaragoza. «Tendo en conta que este produto se fabricaba exclusivamente en Galicia para toda España, a decisión implicará un duro golpe», lamenta a representación legal dos traballadores.

Piden a intervención da Xunta

Ante esta situación, o comité mantivo unha reunión co director xeral de Relacións Laborais para informalo das pretensións do grupo Panrico e para lle faceren chegar as demandas do cadro de persoal á Xunta de Galicia. Entre estas peticións, a «inmediata intervención» do Goberno galego para garantir a continuidade dos postos de traballo. Segundo os sindicatos, Odilo Martiñá comprometeuse a reunirse coa dirección da empresa «con carácter de urxencia» así como a estudar posibles liñas de financiamento para manter os investimentos na planta de Santiago de Compostela.

Por último, o comité de empresa denuncia publicamente que a empresa estea a despedir traballadores, situación que van denunciar tamén ante a Inspección de Traballo, a fin de que Panrico «cese co acoso laboral ao que está a someter o cadro de persoal». Nos próximos días os sindicatos con representación na empresa manterán unha serie de reunións para acordar un calendario de mobilizacións.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2009