domingo, 26 de febrero de 2012

jueves, 16 de febrero de 2012

19 de febreiro: mobilizacións en Galicia contra a reforma laboral

A reforma terá unha resposta de mobilización crecente e sostida no tempo, con asembleas e actos informativos nos centros de traballo e territorios. O 19 de febreiro terán lugar manifestacións nas principais cidades de Galicia e de todo o estado, e 29 de febreiro, nova xornada de mobilización coincidindo coa acción reivindicativa da CES en toda Europa. Antes de pensar nunha resposta máis contundente como a folga xeral, os sindicatos queren escoitar os traballadores e traballadoras, á cidadanía, aínda que está en mans do Executivo reconducir esta situación mediante a negociación.

A reforma laboral que o Goberno central aprobou o pasado 10 de febreiro a modo de Real Decreto, mereceu unha crítica radical do movemento sindical. Para CCOO e UGT, a reforma laboral é inxusta cos traballadores e coas traballadoras, contraproducente para a economía e inútil para o emprego. Como denunciou o secretario xeral confederal de CCOO, Ignacio Fernández Toxo, na súa comparecencia diante dos medios de comunicación, esta é unha reforma imposta polo FMI, o Banco Central Europeo e os gobernos de Alemaña e Francia, «e escrita coa pluma de CEOE e FEDEA», unha fundación ao servizo da banca española.
Esta reforma non só non vai crear emprego, senón que vai favorecer a súa destrución. Desprotexe os traballadores e as traballadoras e favorece un maior poder discrecional dos empresarios. Ademais, vai condenar definitivamente a mocidade ao desemprego ou á infracontratación e penaliza as persoas desempregadas sen prestacións nas súas posibilidades de contratación.